15/11/2013
O encontro que enfrontara ao Río Natura – Monbus e ao Valencia o vindeiro 16 de novembro será tamén o escenario no que, unha vez máis, o deporte amose a súa faciana máis solidaria.
O Obradoiro pon a dispor de Proxecto Home Galicia un determinado número de entradas que se venderán a 10 €, do que a metade deste importe contribuirá ao mantemento das programas que Proxecto Home Galicia desenvolve en Compostela dende hai case 24 anos.
Para apoiar esta iniciativa a rolda de prensa previa do adestrador o 14 de novembro, tivo lugar nas instalacións de Proxecto Home.
Ademais, o Obradoiro facilitará a Proxecto Home Galicia un espazo no Pazo Multiusos “Fontes do Sar” no que informar dos programas e actividades que desenvolve e, deste xeito, sensibilizar á sociedade compostelá sobre os prexuízos e problemáticas que está a causar o consumo de drogas e alcohol.
Durante o partido do 16 de novembro pola megafonía do Pazo Multiusos “Fontes do Sar” ofrecerase información sobre Proxecto Home Galicia.
Por último, a directiva do club santiagués entregará a Proxecto Home Galicia unha camiseta asinada por todos os xogadores.
As entradas que facilita o Obradoiro a Proxecto Home Galicia pódense mercar en:
- Deportes Caneda (Rúa Fonte de San Antonio 25) - Bar “O Regueiro do Agustín” (Rúa Ponte do Sar 37) - Bar “Caminante” (Rúa San Lázaro 90) - Bar “Abrente” (Rúa San Pedro de Mezonzo 46) - Cervecería “A Liga” (Rúa do Vilar 70) - Centro de Proxecto Home (Rúa Cottolengo 2)
Máis información 981 573 020
|