30/07/2007
O Conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, achegouse á Comunidade Terapéutica de Proxecto Home Galicia en Cernadas-Val do Dubra (A Coruña) para entregar os diplomas
acreditativos de participación nos cursos organizados por Proxecto Home Galicia en colaboración con esta consellería: “Xardinería e paisaxismo”, “Horticultura” e “O cabalo: iniciación ó adestramento”. Antes o conselleiro presenciou unha demostración realizada polas persoas en tratamento neste centro e que participaron no curso de “Cabalo: iniciación ó adestramento”. Durante preto de quince minutos realizaron distintos exercicios cos cabalos, amosando os coñecementos adquiridos durante o curso realizado.
Seguidamente, dirixiuse á zona habilitada para o desenvolvemento do programa educativo de horticultura que se leva a cabo durante todo o ano e no que se realizan diversas accións teórico-prácticas en cultivos baixo abrigo e o aire libre. Xa no salón do centro, o conselleiro acompañado por Ramón Gómez Crespo, Director de Proxecto Home Galicia e de Ángel Espadas Escanciano, coordinador dos cursos que se desenvolveron este ano, procedeu a entrega dos 45 diplomas ás persoas que participaron nos mencionados cursos. Finalmente, o conselleiro, Alfredo Suárez Canal, aceptou a invitación a xantar que lle fixeron os mozos e mozas deste centro e compartiu a comida que prepararon as persoas integrantes do sector de cociña, capitaneados por Rafael Brantuas Canay, profesor da Escola de Hostelería de Santiago de Compostela e colaborador de Proxecto Home Galicia.
Enlace web:
Galería Fotográfica
|