13/03/2009
Prestar asesoramento científico-técnico á comunidade terapéutica do Proxecto Home na creación e mantemento dunha pequena piscifactoría de troitas situada nas instalacións que a entidade ten en Cernadas-Portomouro (Val do Dubra) é o cometido dun innovador proxecto liderado dende a Estación de Hidrobioloxía “Encoro do Con” e que a Cátedra Jaime Vera vén de recoñecer co primeiro premio do seu I Concurso de Accións Sostibles de Emprendemento Social (ASES).
Reunido este mércores na Facultade de Matemáticas, o xurado do concurso valorou entre os 26 proxectos presentados o carácter pioneiro dunha iniciativa promovida polo profesor Fernando Cobo que presenta unhas “indiscutibles vantaxes” introducindo por vez primeira en terapia a utilización de peixes.
Trátase de transferir coñecementos acerca da cría da especie, instalacións e rendibilidade pero tamén, asesorados polo persoal da Estación de Hidrobioloxía da USc 'Encoro do Con', achegar aos participantes á bioloxía da fauna e flora dos ecosistemas acuáticos continentais galegos e así sensibilizalos sobre as ameazas á súa biodiversidade e a necesidade da súa conservación.
A Cátedra Jaime Vera constituíuse na USC en xaneiro de 2008 co obxecto de fomentar a docencia, a investigación e a difusión do coñecemento no ámbito do emprendemento social referido á creación e liderado de organizacións, compañías e proxectos cun propósito que, máis aló da rendibilidade do capital, diríxese cara o desenvolvemento do seu contorno.
O segundo premio recaeu no Programa INITIA que dirixe o profesor de Lugo Urbano Fra, unha acción que busca iniciar na actividade investigadora aos alumnos e alumnas de ensino secundario en situación social desfavorecida. Esta iniciativa, que comezou no curso 2007-2008 con dez profesores da USC e nove centros de ensino secundario da cidade luguesa, desenvólvese nos laboratorios e centros de investigación onde son titorizados por profesores e investigadores universitarios.
Canalizar parte do movemento de voluntariado da USC para transformalo nun factor de protección para adolescentes en risco de inadaptación social é a pretensión do Programa Padriñazgo que, promovido pola estudante de terceiro ciclo de Psicoloxía Olaia Bajo, acadou o terceiro premio do concurso.
Os premios estan dotados con: * Primeiro premio 3.000 euros * Segundo premio 2.000 euros * Tercer premio 1.000 euros
Enlace web:
Reportaxes na televisión sobre esta nova.
|